Nos últimos meses existe unha grande preocupación polo rol que toma Facebook na proliferación das novas falsas e os dixomedíxomes a través da Internet, chegando incluso a considerase que este tipo de informacións xogaron un papel importante na vitoria do actual presidente dos EE.UU., e aínda que inicialmente Facebook non quería admitir tal responsabilidade, finalmente iniciou unha serie de medidas para frear a divulgación das chamadas false news e facilitar a súa identificación.
Actualmente non permiten que os anunciantes introduzan publicidade que ligue a historias que fosen marcadas como falsas por organizacións independentes de verificación de novas, pero agora dan un paso adiante máis decidido, e se unha páxina comparte repetidamente historias consideradas como falsas castigarán a súa reincidencia impedíndolle anunciarse en Facebook.
Deste xeito, confían en reducir a distribución das novas falsas evitando que as páxinas que as difunden poidan mercar anuncios en Facebook para chegar a unha maior audiencia e así conseguir ingresos publicitarios dende as súas páxinas web (pois curiosamente as páxinas web con novas inventadas en vez de atender a intereses políticos na súa meirande parte responden directamente a intereses económicos, xa que as novas máis escandalosas, pese a non ser certas, atraen moito tráfico e, polo tanto, xeran moito espazo para inserir publicidade).
Se dende Facebook detectan que unha páxina cesa as súas malas prácticas, permitiralle volver a anunciarse na súa plataforma, pero destacan que as novas falsas son unha lacra para a comunidade, polo que loitan contra elas evitando que a súa creación sexa lucrativa, dificultando a súa distribución e achegando ferramentas para que os usuarios poidan tomar decisións informadas.
As páxinas de Facebook que promovan falsidades non poderán mercar publicidade
Compartir Este Artigo
