
Por exemplo Andy Criere, un dos deportistas que empregaron o sistema durante a competición, que resultou ser o surfeiro español que obtivo a mellor cualificación no evento, chegando a oitavos de final. Segundo fixo saber, o contacto coa tecnoloxía foi “de moita utilidade para avaliar o noso traballo antes e despois de cada campionato. É o futuro”.
Pola súa banda, Rob Gunning, o director para Europa da World Surf League mostrouse “moi satisfeito coa capacidade de resposta dos enxeñeiros de ITG, que estiveron á altura da esixencia da WSL probando a súa tecnoloxía nun campionato do nivel de Pantín”.
Outros profesionais deste deporte como Ricardo Bilbao, ex seleccionador nacional da Federación Española de Surf e adestrador profesional, salientaron que “esta solución podería facilitar o traballo dun preparador nun 40%; é unha tecnoloxía revolucionaria para o surf, que chegou para ficar”. Pola súa banda, David Prescott, comunicador da WSL, comentou que “para nós é fantástico dispor desta información. O público demanda datos, gráficos, comparativas… e a integración con sinal de televisión dá moito xogo”.
Como lembraremos, FlyThings Surf é unha solución formada por un dispositivo hardware (un sensor de 51 gramos de peso, 6 centímetros de diámetro e 2 centímetros de espesor que se instala na punta da táboa) e por un software que representa sobre a imaxe de vídeo os valores que acada o surfeiro en cada unha das súas manobras. Segundo explica o ITG, a información obtida permite valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza destes deportistas.

Segundo fixo saber Óscar González, director TIC do ITG, “o dispositivo non interfire na actuación do deportista en absoluto, pero xa traballamos na redución do seu tamaño”. A día de hoxe, dixo, “só estamos a mostrar dous do nove parámetros que recolle o dispositivo”.
Tokio 2020
Os enxeñeiros de ITG traballan coa mira posta nas olimpíadas de Tokio 2020, unha edición na que o surf estrearase como deporte olímpico. De feito, o instituto informou que está a desenvolver un novo prototipo que suporá, nas súas palabras, “melloras notables na velocidade de transmisión da información e no número de parámetros medibles, achegando moita máis información nun tamaño aínda máis pequeno”.
A tecnoloxía do ITG avaliou 13,58 millóns de datos no evento surfeiro de Pantín
Compartir Este Artigo
