Un dos foros máis populares da Internet de fala hispana, Taringa!, recoñeceu ter padecido unha intrusión o pasado 1 de agosto, de xeito que desconfían que os atacantes puideron facerse coa base de datos que conten os nomes de usuario, enderezos de correo electrónico e contrasinais cifrados, o que dende Leakbase aseguran que suporía a filtración dun total de 28.267.720 credenciais de acceso (das que uns 27 millóns de contrasinais poderían terse descifrado en poucos días por empregar un sistema de cifrado obsoleto).
Detectada a intrusión tomaron medidas para asegurar as contas de usuario e a información persoal, de xeito que na actualidade non hai evidencia de que os intrusos continúen a ter acceso á súa infraestrutura (que continúan vixiando por se acaso). Por iso, forzaron a que os usuarios afectados (cos que se contactou por correo electrónico) tivesen que reiniciar o seu contrasinal, melloraron os seus sistemas de seguridade, actualizaron o sistema de cifrado de contrasinais para facelo máis robusto e tamén están a estudar as medidas legais oportunas.
Ante esta situación cómpre salientar a urxencia de que os usuarios de Taringa! muden os seus contrasinais en servizos alleos a Taringa! no caso de empregar a mesma clave; revisar as súas contas por se detectasen actividade sospeitosa e ter coidado ante calquera comunicación que pareza provir de Taringa! (especialmente se inclúe a solicitude de información sensible).
Fíltranse 28 millóns de credenciais de usuarios de Taringa!
Compartir Este Artigo
