Este sábado 30 de setembro, a partir das 10.30 horas, temos en Compostela unha cita coa tecnoloxía Arduino, plataforma de electrónica aberta que se complementa cun software do mesmo nome e que comparten (hardware e sofware), a arela de tirar abaixo os muros da creación interactiva, robótica e informática. A cita con Arduino, novamente, virá da man da Asociación Xeopesca. Será no Centro Sociocultural de Caramoniña (Santiago de Compostela). O obradoiro incluirá un achegamento ás estruturas e operadores de Arduino, as vertentes analóxicas e dixitais desta tecnoloxía e máis un achegamento a exercicios prácticos coa mesma.
Segundo informa Xeopesca, para participarmos é preciso facermos unha inscrición previa (hai prazas limitadas). Tamén é necesario que levemos o portátil co software Arduino instalado.
Esta actividade insírese no programa de accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.
Dende Xeopesca agradecen a colaboración do Recuncho-Maker na execución desta actividade.
Xeopesca introdúcenos este 30 de setembro nas potencialidades de Arduino
Compartir Este Artigo

