A consultora galega Vitae segue adiante co seu incansable labor formativo, facendo fincapé naquelas cousas que fan mellorar o día a día dos nosos profesionais TIC. Entre os obradoiros que organiza esta tempada de outono sitúase un curso sobre gamificación. Para os que non saiban en que consiste este concepto, dicirlles que engloba recursos para aplicar a nosa interacción cos videoxogos nos procesos da vida real: procesos empresariais, formativos e de divulgación, de xestión, de desenvolvemento, de inclusión, etc. Dito doutra maneira: é coma se se dese o camiño inverso ao acostumado (a realidade abastecendo de contidos e fórmulas a virtualidade) e os xogos saíran de si mesmos para traernos coñecemento e habilidades. No caso do obradoiro de Vitae, trataríase de aplicar estas metodoloxías entre os profesionais que atenden aos clientes dunha empresa. O curso Gamificando un CAU ou Centro de Atención a Usuarios inclúe 8 horas de formación e desenvolverase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 27 e 28 de outubro.
Un dos obxectivos deste obradoiro é botar luz sobre a práctica da gamificación (unha metodoloxía nada en 2010 recollendo conceptos e técnicas dos xogos e dirixida a tirar o máximo partido -partido educativo e tamén de motivación- da nosa arela de divertirnos) no ámbito empresarial, expoñendo as súas vantaxes e, tamén, como aplicalas no noso día a día.
No curso lembraráselles aos alumnos as experiencias levadas a cabo nos departamentos de recursos humanos dalgunhas das corporacións máis avanzadas, onde hai anos que se incorporaron estas técnicas para xestionar e manter no tempo clientela e equipos de traballo. Neste senso, Vitae lembra que Estados Unidos e España son os países máis punteiros do mundo ao respecto, con compañías de primeiro nivel (como BBVA, Everis, EVO Banco ou Leroy Merlin) converténdose en referentes da integración da gamificación no seo dos seus equipos.
O curso que presenta Vitae, que ten un carácter práctico, levaranos da man dende unhas nocións básicas (imprescindibles para entender esta metodoloxía) para logo organizarnos en grupos e dar forma a sistemas gamificados para unha empresa, contando en todo intre coa axuda e a orientación precisas para permitirnos, nas súas palabras, “ofrecer unha solución final satisfactoria”.
Polo tanto, os obxectivos do curso son: coñecer polo miúdo a gamificación como metodoloxía, comprender a súa utilidade para unha empresa e aplicar os coñecementos adquiridos no deseño dun sistema gamificado real.
A actividade formativa está dirixida a consultores, directores, analistas de datos, profesionais de recursos humanos, emprendedores, gamificadores, adestradores, psicólogos e, en xeral, todos aqueles que procuren sistemas para motivar, manter no tempo clientes e detectar as necesidades das persoas.
O encargado de impartir estes contidos será Jacobo Feijóo, licenciado en Dereito e postgrao en Bolsa e Mercados Financeiros. Amais, xestiona a empresa Gamisolution.
Vitae móstranos as vantaxes da gamificación para xestionar clientela e mantela no tempo
Compartir Este Artigo
