
Segundo nos contan fontes do propio Parque Tecnolóxico de Galicia, os asistentes terán ocasión de coñecer as últimas tendencias en neuromárketing de man do mago Kiko Pastur e recibirán consellos do experto en adestramento Daniel Álvarez Lamas para crear un equipo de emprendedores internos nas empresas.
Tamén haberá unha mesa redonda na que se tratarán cuestións como os desafíos da innovación futura, a Industria 4.0 ou a transición enerxética, da man de representantes de COASA, EGATEL, Coren CTI, Conexiona, Novelle y Fernández Ingeniería e esEnRed.
Para rematar, os asistentes terán ocasión de compartir contactos e experiencias, co obxectivo de estreitar lazos entre as empresas e centros de coñecemento que formaron e forman parte da traxectoria do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Como lembraremos, boa parte das celebracións dos 25 anos da Tecnópole xa se están a desenvolver ao longo de 2017. Entre as máis relevantes, informativamente falando, situouse o encontro celebrado en xuño co obxectivo de presentar a memoria global de actividade do parque. Segundo se fixo saber daquela, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Tamén se destacou no almorzo que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovables. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.
A Tecnópole renderá homenaxe ás 300 empresas ás que deu acubillo
Compartir Este Artigo
