A Tecnópole xa acolleu ao longo da súa historia 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades innovadoras

martes, 20 de xuño do 2017 Redacción

A Tecnópole de Ourense (o Parque Tecnolóxico de Galicia de San Cibrao das Viñas) está este ano de celebración. De feito, o complexo tecnolóxico empresarial celebra en 2017 os seus 25 anos de andaina. Hoxe mesmo comezaron oficialmente os eventos de aniversario coa presentación da memoria global de actividade e do mapa de apoios á innovación en Galicia. Na cita de hoxe participou, clausurando os almorzos tecnolóxicos da Tecnópole, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Argerey deu a coñecer o devandito mapa diante de 30 representantes de empresas e outros axentes do sistema galego de innovación instalados no parque e a súa área de influencia. Ademais, aproveitou para presentar a memoria do 25 aniversario de Tecnópole e a proxección do seu novo vídeo corporativo. Segundo explicou, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Respecto da memoria dos 25 anos do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Argerey destacou no almorzo que ao longo deste tempo o complexo ourensán acolleu un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación. Ademais, fixo saber que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovábeis. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.
No ámbito da divulgación, as 11 Galiciencias organizadas viron pasar a máis de 20.000 visitantes polas 550 casetas nas que se expuñan os proxectos dos estudantes que os crearon. A isto súmanse os preto de 600 alumnos e alumnas que participaron nos sete cursos das Aulas Tecnópole para achegarse ao método científico e innovador e os 130 que pasaron polo catro campamentos tecnolóxicos de verán organizados até hoxe.
No informe tamén se fai un percorrido histórico polas orixes do complexo, cuxa primeira “inquilina” foi a empresa tecnolóxica EGATEL, que comezou a súa actividade nun pequeno niño e que continuou a súa evolución ligada ao parque “até converterse na gran compañía que é hoxe, con clientes nos cinco continentes”.
Durante este tempo, engadiuse na presentación do informe, Tecnópole coordinou a posta en marcha da primeira plataforma business to business (B2B) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, puxo en marcha xunto á Universidade de Vigo a primeira preincubadora de proxectos empresariais de Galicia para estudantes acabados de licenciarse, ampliou a súa superficie para acoller máis empresas e “foi pioneira no ámbito dos parques empresariais ao conseguir as certificacións de calidade e medioambiente hai xa dez anos”.
A día de hoxe, o número de empresas e centros de Tecnópole ascende a 114, con máis de 1.200 traballadores.
Na cita tamén se deu a coñecer o vídeo corporativo do complexo empresarial ourensán, dispoñíbel en YouTube.
Instrumentos de GAIN para 2017
No almorzo tamén se mostrou o mapa de apoios á innovación na nosa terra. Respecto dos instrumentos que a axencia está a despregar en 2017 (un mapa de apoios que cubre o ciclo completo da innovación), céntranse en primeiro lugar no eido do talento. Nel inclúese (entre outras cousas) unha nova convocatoria do programa Oportunius para a contratación de gañadores dunha bolsa ERC (European Research Council) e o apoio a investigadores finalistas; unha nova convocatoria do programa Principia para a contratación de persoal cualificado por parte de empresas e entidades de investigación e a creación dunha nova liña de axudas para captar e reter talento.
No ámbito do apoio á transferencia de tecnoloxía, o segundo dos eidos de acción, daráselle continuidade ao programa Ignicia, a través do que se están apoiando sete proxectos e prevese chegar a un total de 30, e “seguirase axudando aos centros tecnolóxicos e unidades de investigación competitivas a través das convocatorias de consolidación e estruturación”, sinalou Argerey.
En materia de apoio ás PEME, lanzarase unha nova convocatoria de axudas para que empresas e microempresas integren e arrinquen plans de innovación. Ademais, Argerey anunciou que se prevé unha nova convocatoria do programa Conecta PEME para finais de ano e explicou os instrumentos financeiros innovadores que se poñerán en marcha ademais dos fondos de capital risco I2C, Xesinnova e Galicia Iniciativas Emprendedoras (GIE) e os novos préstamos de innovación.
No tocante á atracción de empresas tractoras cara Galicia, está actualmente aberto o prazo de presentación de solicitudes para a creación e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación, agrupacións de organismos de investigación e empresas para o desenvolvemento de actividades de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia.
Por último, no ámbito do apoio ao emprendemento innovador, Argerey presentou a Rede galega de aceleradoras impulsada pola Xunta que permitiu o desenvolvemento, nos catro últimos anos, de 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros. Desta rede, sinalou, forman parte aceleradoras tanto transversais (como ViaGalicia, Connecting For Good Galicia ou Galicia Open Future) como sectoriais (Agrobiotech ou Business Factory Auto, entre outras).

PUBLICIDADE