
Segundo lembran dende Telecon, “empregar tecnoloxías que marquen un antes e un despois para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais e promover o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva é a razón de ser de Handytronic”. Agora, respecto da dita cadeira de rodas, o seguinte paso é obter unha solución comercial economicamente alcanzable para os usuarios potenciais.
O alicerce do proxecto é unha conxunción entre as máis avanzadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), os últimos avances en Neurociencia e máis os recentes achados en materia de Intelixencia Artificial. O resultado dos traballos de Telecon-Handytronic é unha plataforma de encefalografía que é quen de captar os impulsos eléctricos do cerebro, interpretalos e transformalos en ordes. Estes impulsos, grazas a un software específico, actúan directamente sobre o sistema de guiado da cadeira de rodas.
Segundo informa Laura Montes, programadora xefa do proxecto, “a interface cerebro-computadora na que estamos a traballar permitiranos non só completar o desenvolvemento da cadeira de rodas, senón tamén, a medio prazo, acometer proxectos para a detección temperá da deterioración cognitiva”. Pola súa banda, Jacobo Penide, director xeral da firma, engade que “a vocación e o compromiso de Handytronic é facer a vida máis doada a aquelas persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional”. Segundo fai saber, “a neurociencia e a intelixencia artificial proporciónannos as bases tecnolóxicas necesarias para desenvolver solucións non só efectivas, sen tamén sustentables desde un punto de vista económico”.
Respecto do prototipo no que traballa a día hoxe Handytronic, está integrado por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 electrodos, unha tableta cun software específico e máis un hardware de integración. Segundo explican Montes e Penide, a conexión entre o casco e o computador é unha conexión sen fíos, a través do protocolo Bluetooth.
A medio prazo, e de face ao fornecemento dunha solución comercial, está prevista a substitución do casco por unha diadema ou parche, que, segundo engaden dende Handytronic, “resultará máis cómodo para o usuario”.
Os responsables da marca tamén fan saber, respecto da entrada en xogo da intelixencia artificial, que a inclusión desta na interface cerebro-computadora permite que “o software aprenda das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo así o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira, posibilitando ao mesmo tempo que o sistema recoñeza diferentes usuarios, afacéndose a cada un deles”.
Para quen queira ver o funcionamento do dispositivo, Handytronic ten un vídeo específico en Vimeo.
Handytronic desenvolve unha cadeira de rodas smart guiada por ondas cerebrais
Compartir Este Artigo
