Mellorar o noso coñecemento dos cabalos salvaxes dos nosos montes, facilitando o seu seguimento, o seu estado de saúde e optimizando os procesos de xestión. Estes son algúns dos obxectivos do proxecto presentado hoxe pola Universidade da Coruña, unha iniciativa que pon as tecnoloxías de localización e de información ao servizo dos propietarios de cabalos bravos e, en última instancia, ao servizo dos cabalos mesmos e do noso medio ambiente. No proxecto, que abranguerá dous anos, tamén traballa a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a empresa 3EDATA. A UDC está representada polo equipo de investigación liderado polo profesor do departamento de Bioloxía Jaime Fagúndez e cos investigadores Laura Lagos e Carlos Muñoz, con sede no CICA, Centro de Investigacións Científicas Avanzadas.
A iniciativa ten dúas vertentes: accións tecnolóxicas e de divulgación. As primeiras diríxense a acadar obxectivos como a adquisición de coñecemento práctico sobre o uso dos cabalos a prol de mellorar a xestión forestal. As segundas está orientadas a “mellorar a visión que a sociedade ten desta actividade”, explicaron as ditas entidades na presentación deste proxecto con fondos europeos (a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER).
A orixe da proposta sitúase a comezos do verán pasado, cando a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo sentou os alicerces dunha fronte colectiva innovadora (cunha axuda da Xunta de Galicia) para a “creación de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal”. O propósito era conformar unha equipa de traballo para, en palabras do colectivo de Sabucedo, “identificar e analizar os diversos problemas aos que se enfronta a poboación de cabalos bravos nos montes de Galicia e o seu manexo tradicional, e definir un proxecto innovador centrado na solución dos problemas identificados”.
Este grupo operativo, que aglutina unha serie de entidades públicas e privadas co nexo común do seu interese a prol da continuidade das poboacións de cabalos ceibos no monte e do seu manexo tradicional, apoiará boa parte do seu traballo no uso de solucións innovadoras para o manexo dos animais, como por exemplo marcaxe con GPS, o uso de drons para a localización dos animais nas zonas máis remotas e de difícil acceso, e a instalación de valados que eviten accidentes de tráfico, ademais de outras medidas para a posta en valor dos cabalos bravos.
Entre os obxectivos está “evitar os conflitos entre besteiros e propietarios forestais, e diminuír o risco de incendios empregando os cabalos para a redución de biomasa”. As entidades implicadas confían en que os resultados repercutirán directamente sobre a poboación de cabalos de Sabucedo, “pero serán de gran interese para besteiros en todas as zonas de Galicia en que se atopan estas poboacións de cabalos ceibos”.
En marcha un proxecto para protexer e impulsar o cabalo ceibo galego con GPS e drons
Compartir Este Artigo
