O organizador e reprodutor de contidos multimedia Plex continúa a medrar en posibilidades, e agora tira proveito da posibilidades da tecnoloxía Daydream de Google para permitir que poidamos gozar da nosa colección de vídeos a través dun casco de realidade virtual.
A idea de Plex VR é non precisar dun potente ordenador equipado cun caro casco de realidade virtual, senón operar directamente cun casco baseado nun smartphone con Android, facendo así como máis accesible esta tecnoloxía que non se limita a permitir empregar Plex nunha pantalla pegada aos ollos (o que pode aproveitarse para transmitir a impresión de que temos unha pantalla xigante), senón que ao integrar a visualización dentro dun espazo virtual decidiron abrir a experiencia á interacción con outros usuarios, de xeito que permiten que no noso salón virtual estean tamén amigos vendo os mesmos contidos para poder interactuar en tempo real a través dun chat de voz.
Aínda que Plex VR é unha aplicación para Android que pretende acceder aos contidos dun servidor Plex, tamén permite a reprodución de vídeos almacenados no smartphone, incluíndo vídeos en 3D e en 360 e 180 graos, converténdose nunha ferramenta moi práctica para o consumo audiovisual en dispositivos compatibles con Daydream.
Cómpre salientar que a reprodución multimedia con Plex VR é de balde para todos os usuarios, mentres que as opcións para compartir a experiencia con outros usuarios é exclusiva para subscritores de Plex Pass.
Vídeo promocional de Plex VR
