Este sábado 17 de febreiro celébrase no Auditorio de Ferrol a cuarta entrega da competición First LEGO League Galicia. A xuntanza, na que se agarda xuntar máis de 200 escolares (26 equipos) de Galicia e Asturias, vén da man do Campus de Ferrol e, máis polo miúdo, do profesor da UDC José Antonio Becerra, que é coordinador das actividades. O evento será inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres. As demostracións dos xogos de robot comezarán ás 10:40 horas. Ao longo da mañá desenvolveranse as distintas probas do evento que concluirá ás 13:45 horas, coa clausura e entrega de premios, nun acto presidido polo reitor, Julio Abalde.
Segundo avanzou os días pasados a organización, o evento ten dúas modalidades: o desafío, para nenos e nenas de 10 a 16 anos; e a modalidade junior, para nenos e nenas de 6 a 9 anos. No caso desta categoría, o obxectivo é “espertar nos máis pequenos a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía”. A súa participación consiste na construción dunha maqueta con pezas LEGO e un póster ilustrativo do seu traballo”.
No desafío, a finalidade é “descubrir a diversión e a emoción pola ciencia e a tecnoloxía” coa proposta dun reto relacionado cun problema do mundo real. Nesta edición, o obxectivo a superar ten que ver co ciclo humano da auga. Así, a rapazada deberá presentar un proxecto científico, e participar nun xogo de robot nun taboleiro relacionado con este “desafío hídrico”. O xurado valorará tamén a integración de valores educativos nos dous casos. Os gañadores da FLL Galicia representarán á Comunidade Autónoma na gran final FLL España que terá lugar en Logroño no mes de marzo, onde, á súa vez, os dez mellores equipos participarán nos torneos internacionais.
A competición First LEGO League Galicia está coordinada polo profesor José Antonio Becerra Permuy, e conta coa colaboración de Santander Universidades, Viaqua, Concello de Ferrol e Deputación Provincial da Coruña. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Colexio de Enxeñeiros Industriais, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Segundo informa a Universidade da Coruña, a First LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
A continuación damos conta dos equipos que participan na proba deste sábado:
1 INFINITY, Colexio de Fomento Montespiño (A Coruña)
2 AquaTech, Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña)
3 Men in Blue, Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña)
4 Crystal Lake, Colexio Internacional de Eirís (A Coruña)
5 Waterbot, IES de Fene (Fene)
6 RECIBÓTICA, CEIP Recimil (Ferrol)
7 Aquours, IES Concepción Arenal (Ferrol)
8 Robolvello, IES Ferrol Vello (Ferrol)
9 C3Clube, ES Ricardo Carballo Calero (Ferrol)
10 CASANOVASQUAD, IES Sofía Casanova (Ferrol)
11 Goteiras, IES San Rosendo (Mondoñedo, Lugo)
12 OS CONSTRUCTORE, IES Virxe do Mar (Noia, A Coruña)
13 WATER BOYS, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
14 SANSABOTICS 3.0, CPI San Sadurniño (San Sadurniño, A Coruña)
15 PrixRoboters, Colexio ISP Laude Palacio de Granda (Siero, Asturias)
16 FrouxiMakers, CPI de Atios (Valdoviño, A Coruña)
Modalidade Junior
1 Aqua Bots, Colexio Internacional de Eirís (A Coruña)
2 Los MEGA-LEGO, Ferrol
3 Los Robots, Ferrol
4 LegoLago, Todo Ocio Education SL (Ferrol)
5 AquaMarín, CEP Sequelo (Marín, Pontevedra)
6 Waterthunder, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
7 WaterSpider, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
8 Water-Superfish, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
9 Lego-Waterman, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
10 FrouxiMakers Junior, CPI de Atios (Valdoviño, A Coruña)
A cuarta First LEGO League Galicia xunta este sábado en Ferrol 26 equipos de novos argalleiros
Compartir Este Artigo
