Contribuír a preservar, visualizar, reivindicar e coñecer mellor un dos nosos grandes monumentos megalíticos, o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños). Estes son os obxectivos dos traballos de rexistro dixital avanzado que están a realizar in situ (no propio dolmen) investigadores e especialistas da Universidade de Alcalá de Henares, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia e da Deputación da Coruña. Máis polo miúdo, o seu labor consiste no escaneado dos gravados inscritos nas lousas do monumento. Onte mesmo, responsables das ditas entidades participantes no proxecto supervisaron os traballos realizados. Estes buscan ampliar o noso coñecemento sobre a xénese e a historia do dolmen.
As tarefas de escaneado láser das lousas, coordinadas polo enxeñeiro Roberto Cabeceira, tamén permitirán valorar cal é o estado de conservación actual dos elementos que o integran.
Segundo informou a Deputación da Coruña, a actuación reconstruirá dixitalmente unhas litografías “que ata o de agora non foran sometidas a un exhaustivo estudo, unhas indagacións que si se realizaron sobre as pinturas prehistóricas presentes no conxunto arquitectónico”. A entidade provincial tamén explicou que os achados que deriven das investigacións actuais serán incorporados ao estudo realizado polo CSIC sobre as manifestacións pictóricas de Dombate.
A visita ao monumento contou tamén coa participación de dous arqueólogos, unha historiadora da Arte e tres restauradoras da Deputación da Coruña, quen xunto co alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia presenciaron o avance dos labores de escaneo.
Os traballos sobre o conxunto artístico fican encadrados dentro do proxecto de investigación Rebuilding Megalithic memories, unha iniciativa que está a ser financiada e coordinada pola Universidade de Alcalá de Henares (UAH).
Lembrar, para que non o saiba, que o Dolmen de Dombate forma parte do Patrimonio da Deputación da Coruña dende o ano 1975, sendo un dos monumentos megalíticos máis sobranceiros da nosa terra (está declarado Ben de Interese Cultural dende 1985).
A Deputación da Coruña escanea os gravados do Dolmen de Dombate
Compartir Este Artigo

