O Goberno da Deputación de Lugo está a achegar formación de balde sobre recursos tecnolóxico-xeográficos a dúas ducias de técnicos municipais de 13 concellos da Mariña. E faino a través do Curso de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) orientado á xestión técnica municipal. Trátase da nova iniciativa da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación, na que participan 22 técnicos, co obxectivo de mellorar o coñecemento de ferramentas informáticas para os técnicos municipais e deste xeito “poder prestar unha mellor calidade no seu traballo diario, reducir custes e garantir a prestación de servizos básicos”, informou a entidade provincial. Os municipios que participan son: Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Burela.
O curso, que se desenvolve ata o 16 de marzo nas dependencias da Aula CeMIT de Barreiros, está impartido por profesionais do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da Universidade de Santiago (campus lucense).
Segundo explica a Deputación, a actividade formativa consiste no emprego de Sistemas de Información Xeográfica co uso do programa de software libre Quantum GIS (QGIS). O obxectivo é equipar aos técnicos municipais dos concellos da Mariña Lucense cos recursos precisos que lles permitan tirar proveito da dita ferramenta, un recurso moi demandado e (aínda) escasamente explotada polas administracións locais.
A entidade que preside Darío Campos tamén explica que os Sistemas de Información Xeográfica e a Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais serven para elaborar planos con cartografía totalmente actualizada, mellorando a calidade nos informes municipais.
A Deputación de Lugo forma aos técnicos municipais da Mariña no uso do SIX
Compartir Este Artigo

