O proxecto europeo Smarter Together, no que se integra Compostela como cidade seguidora, celebrou os días pasados en Viena a súa asemblea xeral. A xuntanza, na que participou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, serviu para avaliar o desenvolvemento do programa, que xa leva dous anos en activo e que ten o obxectivo de compartir coñecemento útil e experiencias e converter as urbes participantes en cidades intelixentes grazas ao aproveitamento das novas tecnoloxías da información. Na cita, Duarte salientou a oportunidade que supón o grupo “para coñecer proxectos desenvolvidos noutras cidades, que agora queremos introducir en Compostela”.
Entre estes proxectos atópase a chamada “calefacción de barrio”, unha iniciativa que o Concello de Santiago estuda introducir na contorna de Pontepedriña para “acompañar as actuacións de rehabilitación enerxética e mellora da accesibilidade nos edificios da ARI”. O edil tamén valorou moi positivamente “a aprendizaxe obtida das cidades faro”, e que “poderemos utilizar en retos que ten Santiago como a xestión de servizos innovadores en áreas con importantes restricións por motivos patrimoniais”.
Volvendo aos retos que se propón Smarter Together, sinalar que as súas áreas de traballo son: información local a a gran escala (Big Data), plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentable, district heating e enerxías renovables. Compostela é socia do proxecto como cidade seguidora, xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas “cidades faro”, que son Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 20120.
Santiago mergúllase na innovación europea a prol das smart cities
Compartir Este Artigo

