Cando Apple lanzou en 2015 o seu MacBook con pantalla de 12 polgadas estreou un novo mecanismo para o seu teclado que chamaban de bolboreta, que que foi recibido polo público de xeito moi irregular, xa que pese ás palabras de Apple magnificando a solución atopada para facer que as teclas tivesen un grosor moi reducido, moitos consideraban que a resposta das teclas non era boa, o que levou a que pouco despois este mecanismo introducise melloras.
Pero resulta que os teclados de bolboreta non só serían peores que os anteriores, senón que moitos consumidores consideran que son defectuosos, incluso na súa versión mellorada integrada en equipos MacBook Pro de alta gama, pois non son poucos os que atoparon como o seu teclado deixaba de responder, e incluso levándoo a reparar ao servizo técnico replicaba o fallo, dando a entender que o problema só podería corrixirse definitivamente mudando o mecanismo das teclas.
En Change.org preto de 21 mil persoas asinaron unha petición a Apple pedindo a retirada do mercado de todos os MacBook Pro de despois de finais de 2016 para mudarlles o teclado por outro que funcione, denunciando que Apple está a negar a existencia dun fallo de deseño que parece estar máis que identificado.
Curiosamente na páxina web de Apple aseguran que os fallos que se detectan nos teclados de bolboreta poden arranxarse empregando pistolas de aire comprimido, algo que nunca recomendaran cun dos seus equipos, e que non parece ser unha solución efectiva (ou cando menos, duradeira).
Ante esta frustrante situación, iniciouse unha demanda colectiva nos EE.UU. na que acusan a Apple de saber do erro de deseño dos teclados de bolboreta e aínda así continuar a vendelos sen advertir aos consumidores, polo que piden compensacións económicas para todos os que tiveron que pagar polo arranxo do teclado do seu portátil afectado.
Presentan unha demanda colectiva polos fallos dos teclados de bolboreta de Apple
Compartir Este Artigo
