A axencia especializada en influencers e a súa posta en contacto con marcas, SamyRoad, vén de publicar unha listaxe co que consideran que son os influencers con maior engadgement (compromiso), ou sexa, as celebridades en liña coas que os seus seareiros teñen un maior nivel de interacción (en Instagram), de xeito que as súas comunicacións serían máis efectivas, ao supor unha maior afinidade.
Aínda que o Top 10 elaborado por SamyRoad é moi discutible en criterios e obxectividade (xa que os parámetros elixidos para puntuar aos influencers son opacos e descoñécese a selección de contas analizada), resulta curioso ver como a figura máis destacable fose un galego, Roi Méndez, quen conseguiu un alto nivel de celebridade nos últimos meses grazas á súa participación en Operación Triunfo.
Actualmente Roi ten 512 mil seareiros en Instagram, publica cun ritmo bastante moderado, e cada unha das súas publicacións acumula centos de comentarios e supera en moitas ocasións os 100 mil gústames, o que fai que SamyRoad estableza que ten un nivel de engagement do 23%, mentres que o resto de influencers da listaxe publicada están entre o 21 e o 15%, deixando claro que só medir o número de seareiros que teña unha celebridade non é un indicador que poida empregarse eficientemente para considerar o impacto que podería ter unha campaña promocional asociada á súa imaxe.
O galego Roi Méndez destaca polo compromiso dos seus seareiros en Instagram
Compartir Este Artigo
