A Deputación de Lugo vén de achegar 620.000 euros ás empresas e entidades da provincia que participan no programa Ben Empregado IV, a iniciativa de inserción laboral da entidade lucense. Así o deu a coñecer a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que avanzou que se trata das 92 empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que xa solicitaron o anticipo desta programación. López Izquierdo tamén lembrou que a cuarta edición de Ben Empregado ten un orzamento total de 2,1 millóns de euros e o obxectivo de xerar 154 postos de traballo na provincia, unha parte dos cales son empregos TIC. Por exemplo técnicos superiores en administración de sistemas informáticos, deseñadores gráficos ou técnicos informáticos.
López Izquierdo apuntou que as empresas e entidades beneficiarias, grazas ás achegas da Deputación, non terán que empregar fondos propios para asumiren os custes inherentes á contratación. Tamén sinalou que polo momento son 92 entidades das 154 beneficiarias de Ben Empregado IV as que reciben estes fondos, “ao teren formalizada a solicitude deste anticipo”. Durante as vindeiras semanas inxectaranse o resto de fondos das empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que están a formalizar a solicitude de orzamento.
Como lembraremos, a edición 2018 do programa inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, “ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses”, engadiu López Izquierdo.
A Deputación de Lugo dota de apoio económico a empresas e entidades para crear empregos TIC
Compartir Este Artigo

