Os días pasados (do 25 ao 27 de xuño) celebrouse en Oviedo a segunda edición do Congreso Mundial de Destinos Intelixentes que promove a Organización Mundial do Turismo (OMT) co obxectivo de mostrar os novos modelos turísticos do novo século (modelos baseados na innovación, as novas tecnoloxías, a sustentabilidade, a accesibilidade e a gobernabilidade) e compartir claves de utilidade arredor deles. Na cita houbo presenza galega. Por exemplo a de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, quen visualizou o traballo despregado pola nosa terra nos devanditos ámbitos do turismo smart: novos xeitos rendibles, eficaces e sostibles de atraer visitantes e, tamén, de acadar valoracións positivas pola súa parte.
O congreso acolleu a intervención de máis de 80 relatores nacionais e internacionais e máis de 600 participantes de todo o mundo.
A responsable de Turismo da Xunta tivo oportunidade de compartir o traballo de Galicia e coñecer de preto as tendencias e avances nun ámbito fundamental no desenvolvemento e na competitividade do sector. Segundo fixo saber, a innovación turística e as novas tecnoloxías están presentes na xestión do Goberno galego a través do programa Smart Turismo.
Tamén fixo saber que a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta consensuada co sector, “adica precisamente un dos seus 11 capítulos a esta cuestión”. Entre as accións contempladas inclúense algunhas como a mellora das conexións a internet en puntos e establecementos, a comercialización e xestión a través de ferramentas TIC, o aproveitamento de Internet para a comunicación e servizo ao turista, o impulso dos procesos de innovación sectorial ou a explotación do que se vén coñecendo como Big Data (información a gran escala e ferramentas de análise e xestión para extraer claves de utilidade da maré de coñecemento).
Galicia comparte turismo smart no Congreso Mundial de Destinos Intelixentes
Compartir Este Artigo

