O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) vén de anunciar unha nova convocatoria para a adscrición de persoal investigador, que estará suxeito, en palabras do centro, “a unha avaliación continua e rigorosa para determinar a súa permanencia”. A convocatoria, lanzada seis anos despois da posta en marcha oficial do CiTIUS, é froito dun estudo e dunha avaliación xeral por parte da Comisión Científica Externa (CCE).
A iniciativa está dirixida ao persoal docente e investigador e aos investigadores Ramón e Cajal da Universidade de Santiago que “acrediten un alto nivel de publicacións relacionadas coas principais áreas temáticas do CiTIUS, así como unha capacidade probada para a captación de recursos externos”.
O centro, ao fío da convocatoria e dos froitos que se perseguen, lembra que o seu obxectivo principal é “realizar unha investigación punteira e multidisciplinar no ámbito das Tecnoloxías da Información”, e para a súa consecución, dispón dun programa de captación e formación co gallo de incorporar novos talentos con capacidade de liderado.
O centro tamén informa que aqueles solicitantes que a día de hoxe estean a colaborar cun equipo de investigación do CiTIUS, deberán indicar nas súas candidaturas as contribucións individuais relevantes que xustifican a súa solicitude de adscrición. En canto ao resto de solicitudes, darase prioridade á incorporación de persoal investigador “con experiencia científica complementaria”, que contribúan a fortalecer as capacidades do centro e a coherencia dos seus programas científicos.
A data límite para a presentación de solicitudes é o 31 de xullo de 2018. Deberá enviarse a citius@usc.es en formato PDF, utilizando a solicitude dispoñible na ligazón habilitada para tal efecto. O proceso de avaliación e selección será realizado pola Comisión Científica Externa do CiTIUS. O nomeamento formal das persoas seleccionadas como persoal investigador adscrito será aprobado pola Comisión Reitora do CiTIUS, a través da firma dun compromiso formal cos obxectivos estratéxicos e o regulamento de funcionamento do centro.
O CiTIUS lanza convocatoria para a incorporación de novos talentos
Compartir Este Artigo

