Investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo veñen de recibir un prestixio galardón polo seu artigo publicado na revista IET Microwaves Antennas and Propagation. O recoñecemento é o IET Premium Award 2018, que vén dado por ser o devandito artigo o mellor dos publicados nos últimos dous anos (dende o 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de decembro de 2017).
O director da escola, investigador do centro AtlantTIC e integrante do grupo distinguido, Íñigo Cuiñas, sinalou a conto do dito galardón que “gañar un premio outorgado por unha revista referente no ámbito científico internacional é un recoñecemento á calidade da nosa investigación, é como dicir que dende un recuncho do noroeste ibérico pódese facer ciencia de calidade”.
O galardón foi adxudicado ao artigo Dual-Band Single-Layer Quarter Ring Frequency Selective Surface for Wi-Fi applications, que é un dos principais resultados do traballo de doutoramento do investigador David Ferreira, dirixido por Íñigo Cuiñas e os profesores Rafael Caldeirinha e Telmo Fernandes, do Instituto Politécnico de Leiría. Segundo informa a UVigo, o equipo é o primeiro grupo de investigadores galaico-portugués que gaña este premio.
A resolución do xurado baséase, segundo explican os autores, nun conxunto amplo de factores, entre os que salientan, “a relevancia científica, o impacto, os resultados alcanzados e a presentación de artigos, así como métricas como o número de citas ou de descargas”.
O premio consiste nun diploma para cada un dos autores, que enviarán á volta do verán, e a visibilidade ao traballo que representa o feito de dar acceso libre a todo o mundo, vía web, ao artigo galardoado. “É máis o prestixio que che dá gañar o premio que o galardón en si mesmo”, recalca o catedrático vigués.
O estudo premiado propón un deseño dunha superficie selectiva de frecuencia (FSS) para ser empregado en aplicacións de blindaxe sen fíos (Wi-Fi) e consiste nunha combinación de elementos básicos: bucles/rañuras de anel, sintonizadas nas bandas típicas de frecuencia Wi-Fi 2.4 GHz e 5 GHz. Segundo explican, “é unha lámina cunhas determinadas formas metálicas que se pode poñer sobre unha parede, ou dentro dela, e que impide o paso dos sinais correspondentes a estas Wi-Fis de fóra a dentro da habitación, evitando as interferencias, ou de dentro a fóra, e impedindo neste caso que alguén externo poida interceptar as nosas comunicacións, ambas cousas sen bloquear o paso dos sinais de telefonía móbil ou de televisión”.
Investigadores da UVigo gañan un premio internacional polo seu traballo en blindaxe Wi-Fi
Compartir Este Artigo

