Máis dinámica e con máis información sobre produtos e solucións innovadoras. Así está a presentar a súa nova web a compañía galega Televés, histórica firma compostelá de equipamentos e recursos avanzados para telecomunicacións. O novo sitio tamén destaca pola forma (o envoltorio e sustento dos distintos contidos), que é máis atractiva e visual e está ceiba de elementos que distraian ao usuario. Por outra banda, puxéronse en xogo maiores posibilidades de interacción. Podemos velo ao detalle en www.televes.com.
Segundo informa a compañía, o novo sitio supón “un paso máis na política da compañía de desenvolver unha comunicación nativamente dixital”. Desta maneira, dende televes.com, a empresa fornece dunha contorna integrada de recursos para a interacción en tempo real con todos os públicos obxectivos: clientes, provedores, entidades reguladoras, contorna profesional, medios de comunicación e, por suposto, empregados e colaboradores.
A nova web quere ser unha web diversa, por iso artéllase por áreas de negocio, brindando unha detallada descrición de cada unha delas.
Outro dos elementos importantes da renovación é a mellora das fichas de produto, que agora “son máis completas e dinámicas”, informa Televés, engadindo que brindan unha “información ampliada de gamas e características técnicas de cada referencia”.
Por outra banda, a empresa de Santiago tamén quere destacar os esforzos postos na arquitectura do sitio e máis no seu deseño, “dinámico e intuitivo”, co que se garante a plena adaptación aos diferentes dispositivos de acceso, “garantindo unha experiencia de usuario mellorada, en liña cos estándares máis esixentes”.
A web segue ofrecéndose en nove idiomas, “para facilitar o acceso dos clientes, colaboradores e amigos da marca en máis de cen países do cinco continentes”.
Televés estrea web, máis dinámica e completa en información
Compartir Este Artigo
