O Concello de Vigo vén de recibir un recoñecemento polo seu labor de transparencia, innovación e eAdministración. O recoñecemento non é outro que o Premio Novagob Excelencia 2017 á loita contra a corrupción. O premio veu dado polo labor do Grupo de Traballo de Integridade na Contratación Pública, promovido polo Concello de Vigo e constituído na Rede pola Transparencia e a Participación Cidadá da FEMP.
Segundo explicou este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, Novagob é unha rede social da Administración Pública para impulsar un ecosistema de innovación nas entidades iberoamericanas. As areas de xestión implicadas son a asesoría xurídica, a intervención xeral, a tesourería, a Administración Electrónica, os recursos humanos e a formación.
O grupo de traballo está integrado polos máximos responsables administrativos para deseñar unha ferramenta transversal de apoio na tramitación das solicitudes de acceso á información pública, ao abeiro da normativa en materia de transparencia.
Tamén se encarga de artellar solucións instrumentais para a adecuación das estruturas organizativas e da emisión de ditamens sobre criterios xerais de aplicación da normativa. “Supón un impulso das políticas públicas municipais en materia de transparencia e acceso á información”, engadiu o alcalde.
Recoñecemento á transparencia do Concello de Vigo
Compartir Este Artigo

