
Os concellos que servirán de escenario ás probas tecnolóxicas, dirixidas a optimizar a avaliación do abastecemento e o saneamento destes termos municipais (con diagnósticos pormenorizados das infraestruturas e dos servizos), son Noia, Ames, Burela e Soutomaior.
Aquamundam é un sistema de información integral para a xestión eficiente, integrada e sustentable da auga en pequenos e medianos municipios do espazo POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal), pondo a disposición das vilas solucións tecnolóxicas propias de grandes cidades intelixentes.
Durante 15 meses estudaranse e proporanse melloras sobre aspectos relacionados co medio ambiente, a capacidade de infraestruturas, a operatividade e a calidade dos servizos ou a eficiencia no uso de recursos. E todo, sinala o ITG, “coa finalidade de identificar posibles puntos críticos no abastecemento, saneamento e depuración dos concellos”.
A elaboración de diagnósticos e plans de mellora deste catro municipios de Galicia (dun total de 12 repartidos entre as dúas beiras da raia galego-portuguesa) suporá “un mellor coñecemento destas infraestruturas e servizos, facilitando e guiando a adopción de medidas para o seu avance en termos de sustentabilidade e eficiencia”, explica o ITG, engadindo que o alicerce do sistema a empregar é un alicerce IoT. Este sistema, a través de sensores, permitirá dixitalizar os elementos da rede de abastecemento e saneamento co fin de inserir os datos, en tempo real, na plataforma web GIS de Aquamundam, deseñada para axudar a mellorar a xestión patrimonial das infraestruturas.
A plataforma en cuestión concíbese como “un único punto común de información para os titulares, xestores e usuarios”. Ademais, dará soporte á toma de decisións e permitirá reducir o tempo de resposta fronte ás posibles eventualidades que se presenten nos servizos de auga.
Aquamundam conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e está financiado con fondos europeos no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal (POCTEP).
A Internet das Cousas mellorará o servizo de augas de Noia, Ames, Burela e Soutomaior
Compartir Este Artigo
