Para quen non o saiba, a Consellería de Economía e Emprego ten aberta unha convocatoria, a terceira, para recoñecer e apoiar proxectos 4.0 potencialmente transferibles aos sectores estratéxicos da nosa terra, unha convocatoria que vén con importantes axudas. En total, impulsaranse como mínimo seis novas iniciativas a prol da fábrica intelixente, ou sexa, a prol dun xeito de producir máis sustentable, conectado, rendible, mellor xestionado e comunicado, eficiente e eficaz. O prazo para solicitarmos as devanditas axudas estará aberto ata o 28 de setembro.
Ao abeiro do devandito, a Consellería mobilizará investimentos por 10 millóns de euros en proxectos de medio cento de empresas coordinadas por entidades sectoriais intermedias, elevándose ata 1,5 millóns de euros (dende o millón da anterior convocatoria) a axuda máxima para impulsar cada un dos plans sectoriais aprobados.
A Consellería tamén informa que de igual xeito que nas edicións anteriores, cada un dos organismos intermedios promotores dos proxectos seleccionados recibirán un premio de 25.000 euros, “como compensación polo seu labor na formación de grupos de empresas dispostas a investir no eido da Industria 4.0”.
Os proxectos aprobados ao abeiro desta terceira convocatoria sumaranse aos impulsados polas 70 empresas beneficiaras das dúas edicións anteriores, que mobilizan máis de 15M€ en investimentos altamente tecnolóxicos, no eido da industria intelixente e conectada.
A Consellería lembra que as entidades que están a actuar polo de agora como “locomotoras da Industria 4.0 en Galicia” son os sectores do motor, a madeira, o agroalimentario, o metalmecánico, o aeronáutico e o naval. Ademais, engade, as tecnoloxías relacionadas coa automatización e a intercomunicación entre máquinas son os recursos máis empregados nos proxectos desenvolvidos ata a data, seguidas das vinculadas á sensórica ou a dixitalización de procesos.
As axudas para os premios a proxectos 4.0 están poden solicitarse ata o 28 de setembro
Compartir Este Artigo
