A tecnoloxía 5G é o punto que lle falta á Internet das Cousas para despegar definitivamente. Ese miúdo e decisivo factor. En vistas a que todo apunta que non imos perder o tren do 5G (na nosa terra imos contar cun plan estratéxico e autonómico específico), as empresas que máis proveito van tirar dos obxectos conectados están acelerando os seus proxectos neste ámbito. Por exemplo o Grupo PSA, que vén de encomendar á sede de Vigo a construción do alicerce tecnolóxico para a súa estratexia de coche conectado: o tecido de conectividade que fará posible todo o demais.
Á fronte do equipo de Investigación e Desenvolvemento está o vigués Antonio Fernández Barciela, que ten entre os seus cometidos dar forma definitiva aos sistemas de comunicación (C-V2X) e ás linguaxes específicas que establecerán o diálogo integral entre os elementos das estradas (sinais de tráfico, centrais de xestión da DXT) e os coches, e entre coche e coche.
Isto polo que se refire aos elementos particulares. O elemento xenérico será a implantación vindeira da tecnoloxía 5G.
Para quen non o saiba, o 5G é o novo estándar de telecomunicación que substitúe ao actual 4G, un sistema que mostra importantes eivas para atender as demandas da cidadanía, as institucións, as empresas e as cidades conectadas, e que foi concibido previamente a un fenómeno decisivo: o espallamento do smartphone. A tecnoloxía 5G, de feito, preséntase como a solución definitiva ao número crecente de conexións e ten un amplo potencial para diminuír ao máximo a latencia, para incrementar a velocidade (dos 150 Mbps que ofrece a 4G aos 10 Gbps que brindan os novos sistemas) e para conectar os obxectos, permitindo alongar a vida útil das baterías e dos dispositivos.
Volvendo ao traballo desenvolvido polo equipo de Antonio Fernández, sinalar que o obxectivo último é, por suposto, mellorar a seguridade viaria, a eficiencia do tráfico e máis a autonomía. Con todo, boa parte das tecnoloxías que van incluír os coches autónomos do grupo están xa presentes nalgúns vehículos de gama alta, como as tecnoloxías que advirten ao condutor da presenza de peóns ou obstáculos na estrada. Porén, o despegue definitivo deste tipo de desenvolvementos será unha realidade de feito coa introdución e espallamento do 5G, fundamental para os vehículos autónomos polo diálogo integral, constante que cómpre que establezan cos equipamentos das estradas, cos restantes vehículos e coas centrais da DXT. No caso de PSA, a linguaxe a empregar polos sistemas será a mesma que a de Ford e BMW, auspiciadas polas empresas Qualcomm e Savari.
O proxecto de Fernández Barciela está a ser impulsado por Carla Gohin, vicepresidenta de Investigación e Enxeñería Avanzada do Grupo PSA.
Vigo desenvolverá a tecnoloxía de PSA para facer despegar o coche conectado
Compartir Este Artigo

