Tecnoloxía para loitar conta as agresións sexuais en calquera desas moitas situacións, especialmente frecuentes no verán, en que as mulleres volven soas aos seus fogares, á volta (por exemplo) dunha xuntanza ou dun festival de música. Este é un dos resumos posibles para a ferramenta móbil, Agresións Off, que presentou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desenvolvida en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) e con carácter pioneiro na nosa terra. A app quere ser útil e non simplemente informativa. Con este fin, incorporará unha función que é quen de rexistrar a xeolocalización da usuaria cada pouco tempo, dando aviso ás persoas seleccionadas da mesma para telas ao tanto deste percorrido.
A aplicación, que ten precedentes na aplicación Escapp (ferramenta gratuíta de Vicepresidencia e o CPEIG para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero, da que falamos hai uns tres anos dende Código Cero), foi dada a coñecer hoxe nun acto no que tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente do dito colexio, Fernando Suárez.
Na cita cos medios informouse de que a aplicación xa se pode descargar hoxe para os sistemas operativos Android e nos vindeiros días para iOS.
A ferramenta, engadiron, abranguerá recursos como un decálogo contra a violencia sexual, consellos prácticos de como actuar ante posibles situacións de riscos e un directorio de lugares onde acudir a pedir axuda, así como teléfonos de información. Rueda, López Abella e Suárez tamén fixeron saber quen en vindeiras actualizacións engadiranse novas funcionalidades como a posibilidade de compartir a xeolocalización con calquera dos contactos que teña a usuaria, “para que estes poidan saber o percorrido que se está a realizar”.
Vicepresidencia e o CPEIG lanzan app para loitar contra as agresións sexuais
Compartir Este Artigo
