Este verán, o Concello da Merca sumouse á comunidade de municipios (formada por máis de 400 concellos a nivel estatal) adheridos á plataforma estatal Liña Verde, o servizo de comunicación de incidencias a través dos móbiles. Segundo informan fontes do Concello ourensán, a través desta canle de comunicación directa, os veciños poden pór en coñecemento do Consistorio aqueles danos que detecten. O obxectivo do Concello ao pór en marcha esta iniciativa de participación cidadá polo vieiro dixital, é “coñecer as necesidades do municipio e dar solución ás cuestións comunicadas”. O servizo está dispoñible en www.lineaverdeamerca.gal.
Para poder utilizar a ferramenta, os residentes de A Merca só terán que descargar nos seus dispositivos a aplicación móbil Liña Verde, dispoñible tanto para móbiles con Android como para trebellos iOS. Logo da descarga, que é de balde, o usuario deberá seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. O Concello da Merca lembra que “o procedemento é moi rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, chega con picar sobre o botón Nova Incidencia e elixir logo o tipo de incidencia do que estamos a dar conta. De maneira automática, a ferramenta é quen de detectar as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución ao problema detectado.
A Merca únese á comunidade de concellos coa aplicación cidadá de Liña Verde
Compartir Este Artigo
