A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á base aérea desde a que opera o helicóptero de coordinación da Xunta de Galicia que ofrece imaxes en tempo real e xeorreferenciadas, destacou a importancia de incorporar as TIC na loita contra os incendios forestais, e moi especialmente as relacionadas coa información e a comunicación.
A conselleira explicou que este aparello permite comprobar a situación dun determinado lume sobre plano e a súa evolución, algo que, incidiu, axuda moito na toma de decisións no momento da extinción. Engadiu que ofrece datos clave para orientar os labores do dispositivo e a xestión dos incendios, en particular no caso dos grandes lumes, que resultan máis complicados de atallar.
Ángeles Vázquez advertiu que con este sistema «teremos algo máis que ollos sobre o territorio», algo fundamental para facer fronte aos lumes, que «funcionan como seres vivos, sempre cambiantes, sobre todo cando as condicións meteorolóxicas e particularmente o vento mudan constantemente».
Vinculou estas melloras tecnolóxicas co dispositivo de 88 cámaras repartidas polos dezanove distritos forestais de Galicia, para labores de vixilancia e disuasión, un operativo que completará o seu despregamento ao longo desta mesma semana.
Estes aparellos sitúanse de maneira especial nas parroquias de alta actividade incendiaria (este ano no Pladiga hai 77 sinaladas) e permitirán monitorizar máis da metade do territorio galego, o que supón unha superficie que supera os 1,5 millóns de hectáreas, segundo destacou a conselleira. Están colocadas en zonas estratéxicas e servirán tanto para previr incendios como para mellorar a coordinación dos medios de extinción, en caso de lume.
Medio Rural aposta polas TIC na súa loita contra o lume
Compartir Este Artigo

