O Concello de Pontevedra vén de anunciar a contratación dunha técnica ou técnico en Tecnoloxías da Información para facer avanzar o seu programa de Administración Electrónica. Segundo acordou a xunta de Goberno local acerca da convocatoria, da que sairá unha listaxe provisoria da praza, a contratación será por tres anos coa posibilidade de prorrogala durante un ano máis. O obxectivo do Concello, segundo anunciou a vogal do Executivo pontevedrés, Carme da Silva, é “acelerar a posta en marcha da Administración Electrónica”.
Tamén lembrou que a adaptación plena de Pontevedra ao goberno dixital e ás súas vantaxes integrais e funcionalidades é unha das liñas de actuación incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra (a estratexia Máis modelo Pontevedra) coa que o Concello acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A contratación dun profesional cualificado para a implementación da sede electrónica contribuirá., sinalou, a reforzar os servizos dixitais da Administración local e acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sustentable FEDER 2014-2020.
As persoas interesadas en optar á praza terán que ter a titulación de Enxeñería de Telecomunicacións ou Enxeñería Informática. Trátase dunha praza do Grupo A-1.
O Concello de Pontevedra contratará un técnico para facer avanzar a súa iniciativa de eAdministración
Compartir Este Artigo
