O podcasting en España é aínda un medio pouco maduro pese a levar moitos anos implantado, en boa medida porque os contidos de máis éxito son foráneos (programas de radio que só empregan o formato de podcast como método de distribución en diferido), pero existe un bo número de programas nativos que loitan por conseguir unha audiencia, un recoñecemento e unha sustentabilidade, ao que a plataforma de publicación de podcasts de referencia no noso territorio, iVoox, quixo contribuír lanzando o pasado mes de xuño as Subscricións para Fans.
Este programa de monetización para podcasts baseado na subscrición mensual de oíntes permite que os admiradores poidan realizar unha achega económica mensual, que pode recompensarse con contidos en exclusiva ou en primicia, contribuíndo así a fornecer a ligazón entre os creadores de contidos e as súas audiencias.
A esta iniciativa está a sumarse o comunicador galego Álex Fidalgo, quen tras máis dun ano colleitando grandes éxitos co seu podcast de entrevistas Lo Que Tú Digas, decidiu que a súa entrega número 53 fose moi especial e, aínda que a súa estrea en aberto será mañá, dende onte está accesible para os subscritores de pagamento do podcast, que poden así gozar en primicia duna das entrevistas máis esperadas: a de Laureano Oubiña.
Fidalgo comeza así unha nova etapa de Lo Que Tú Digas, na que o público continuará a acceder ás súas interesantes conversas gravadas, pero dignificando o medio, xa que o feito de que os seus seareiros poidan pór un valor económico ao contido para a súa escoita en primicia (partindo de 1,49 euros/mes) consegue proxectar unha imaxe de calidade e deixa constancia de que a creación de contidos non é de balde.
Cómpre lembrar que Lo Que Tú Digas é un espazo sonoro sen publicidade, que carece de patrocinios, de xeito que Álex Fidalgo produce estes contidos do seu peto, e aínda que as subscricións premium dificilmente conseguirán que poida ser un proxecto economicamente rendible, cando menos reducirá o seu impacto económico, á vez que consegue que os oíntes valoren máis as entregas do podcast.
Esta mañá xa se superou a barreira do milleiro de subscritores do podcast de Álex Fidalgo que optaron a pasar por caixa para escoitar en primicia a conversa con Laureano Oubiña nun momento no que a súa figura está moi de actualidade, tanto pola emisión da serie de televisión Fariña, como da publicación dun libro do propio Oubiña (Oubiña. Toda la verdad) e a produción dun documental para DMAX titulado Yo fui un narco.
Álex Fidalgo dignifica o podcasting cunha conversa con Laureano Oubiña
Compartir Este Artigo
