Hai poucas semanas o xogo Fortnite estreou versión de proba para Android, chegando as dispositivos compatibles a través dunha aplicación de instalación allea a Google Play, práctica adoptada por Epic Games para non ter que dar o 30% dos ingresos do xogo a Google, o que semella que non tomaron moi ben dende a compañía de Mountain View, respondendo dun xeito extraordinariamente irresponsable e mesquiño.
O pasado 15 de agosto, o equipo de Google especializado en seguridade informática descubriu que a aplicación de instalación de Fortnite para Android tiña unha vulnerabilidade que facilitaba a suplantación do xogo por outra aplicación a través dun tipo de ataque coñecido como Man-in-the-Disk, tras o que Epic Games corrixiu a aplicación en menos de 48 horas, solicitando a Google que cumprise a súa política de descubrimento de vulnerabilidades, ou sexa, que tardase 90 días antes de dar conta do funcionamento do fallo de seguridade, para evitar que os usuarios que non actualizasen o instalador nas últimas horas non quedasen expostos a ataques. Pero dende Google, en vez de esperar 90 días, consideraron que esperar 7 días dende a publicación do parche era tempo dabondo e incumpriron as súas propias normas para procurar deixar en evidencia a Epic Games e á suposta inseguridade de distribuír xogos dende fóra da tenda de aplicacións de Google.
Este xeito de proceder por parte de Google puido deixar a milleiros de usuarios desprotexidos, o que é extraordinariamente irresponsable, pois a publicación adiantada do fallo de seguridade non contribúe de ningún xeito a mellorar a seguridade en Android e semella ter un único obxectivo: alarmar sobre o perigo da instalación de xogos que non estean controlados por Google Play.
En calquera caso, esta situación tampouco beneficia a Android, xa que a posibilidade de instalar aplicacións fóra do control de Google é algo inherente ao propio sistema, e en vez de beneficiarse Google deste tipo de polémica, a compañía que mellor parada sae do acontecido é Apple, que fornece a posición de iOS como sistema operativo móbil seguro.
Cómpre salientar que os usuarios que instalaron Fortnite a través da tenda de aplicacións de Samsung na práctica contaron cunha protección equivalente a ter usado Google Play, xa que foron debidamente advertidos da actualización da aplicación, de xeito que os principais ameazados pola mala práctica de divulgación por parte de Google serían os usuarios que descargaron o instalador do xogo dende a páxina web de Epic Games ou a través de fontes alternativas (sendo esta última opción extraordinariamente arriscada).
Google ignora a súa propia política de divulgación de fallos de seguridade para atacar a Epic Games
Compartir Este Artigo
