Os traballos arqueolóxicos acabados de desenvolver no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda-Ourense), que en primeira instancia desvelaron a presenza militar romana máis antiga das documentadas na nosa terra, viñeron acompañados dunha importante actividade dixital e tecnolóxica. Isto afectou a todos os niveis informativos e comunicativos, na procura da máxima proximidade coa comunidade científica, histórica e internauta. De feito, a intervención arqueolóxica no Penedo dos Lobos foi retransmitida diariamente a través de Internet por parte do colectivo romanarmy.eu, mediante vídeos en directo e formatos innovadores de comunicación científica.
No que respecta aos traballos de investigación propiamente ditos, levados a cabo polo dito colectivo e dirixidos polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC João Fonte, serviron para achar material militar romano, como por exemplo as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.
En palabras de romanarmy.eu, estes descubrimentos emprazan a construción do campamento “nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era” e é posible que fose coetáneo das Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. “Trátase da presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e é un achado de gran relevancia histórica para coñecer os inicios da romanización neste territorio”, engade o dito equipo arqueolóxico e investigador.
A campaña arqueolóxica rematou o pasado sábado e está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Alén dos traballos de prospección e estudo máis específicos, o emprazamento investigado (moi próximo á estación de esquí de Manzaneda) serviu para demostrar novamente o potencial das novas tecnoloxías neste tipo de proxectos de recuperación e reconstrución histórica. O colectivo romanarmy.eu, neste senso, apostou en todo intre pola comunicación directa coa comunidade investigadora, achegando por Internet (con vídeos en directo e formatos innovadores de información) os traballos realizados en cada xeira. O resultado foi que o alcance destas comunicacións, só a través do perfil de Facebook do colectivo, saldouse con máis de 65.000 persoas destinatarias ao longo de toda a semana de intervención arqueolóxica, na que o público puido seguir día a día a evolución da intervención científica. Así mesmo, realizáronse visitas guiadas ao sitio tanto con integrantes dos campamentos xuvenís de Cabeza de Manzaneda como abertas ao público xeral, con numerosa presenza de público.
Para quen non o saiba, dicirlle que o colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Exeter, Edimburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda), que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto.
O achado do campamento militar romano máis antigo da nosa terra foi retransmitido pola Rede
Compartir Este Artigo
