Marine Instruments, empresa galega centrada en innovación e tecnoloxías marítimas, vai colaborar activamente nun dos proxectos referenciais, a nivel internacional, para loitar contra a contaminación mariña con medidas efectivas e eficaces, The Ocean Cleanup. A firma de Nigrán participará cos seus sistemas de localización vía satélite, achegando barreiras flotantes para apañar plásticos e outros refugallos que se desprazan polos océanos seguindo pautas coas correntes mariñas. Estas boias determinarán o emprazamento exacto das barreiras flotantes de The Ocean Cleaup e terán entre os seus cometidos subministrar aos buques, vía satélite, datos en tempo real (xeolocalizados) para que aqueles acometan a súa retirada.
Segundo lembra SOGAMA, as boias de Marine Instruments foron desenvolvidas en orixe para a pesca de atún e logo atoparon novos usos noutros contextos, como por exemplo na prevención de ataques de quenlla en Australia e Illa Reunión, onde serviron para enviar alertas cada vez que os ditos peixes picaban nun anzol específico, posibilitando a marcaxe do escualo e controlar se se aproxima á zona de bañistas. Segundo puidemos saber, dende a implantación do sistema non se rexistraron ataques de quenllas nas ditas contornas.
Volvendo aos traballos a desenvolver para The Ocean Cleanup, os sistemas da empresa galega complementarán unha rede de 50 barreiras flotantes, disposta coa idea de servir de colleitador xigante de refugallos marítimos.
A día de hoxe, a organización internacional The Ocean Cleanup (formada por máis de 70 enxeñeiros, investigadores, científicos e modeladores computacionais) está investigando a masa total de residuos plásticos e a súa distribución polos mares, e ten previsto realizar unha expedición de limpeza a gran escala no Pacífico que arrancará o vindeiro mes de setembro coa pretensión de retirar, nun período de cinco anos, a metade do plástico nesta zona.
Marine Instruments colaborará na limpeza dos océanos coas súas boias smart
Compartir Este Artigo
