A nova edición do festival Curtocircuíto de Santiago, organizado polo Concello e subvencionado pola Deputación da Coruña, comezou a facer ruído nas redes, tanto a través da súa rechamante e innovadora web oficial, www.curtocircuito.org, onde hoxe informouse polo miúdo das seccións da nova entrega do certame (Terra, Supernova e Planeta GZ), como a través das redes sociais: Facebook, Twitter, Instragram, Tumblr e máis Playmoss.
O festival, que conta coa colaboración da axencia autonómica AGADIC, acubillará tamén un apartado de innovación, a sección Explora, na que se acollerán obras que procuran “novas caligrafías cinematográficas”.
O obxectivo da organización é que Curtocircuíto, que chega á súa 15 edición, sexa este ano un evento referente a nivel internacional ao tempo que se fai máis fincapé ca nunca na súa galeguidade. De feito, máis dunha trintena de pezas a exhibir xirarán arredor do noso audiovisual.
Este ano, para amplificar aínda máis a repercusión e os horizontes do certame, estréanse dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda.
Supernova, pola súa banda, nace para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, “servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras”, en palabras da organización.
A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na sección Explora.
A maiores, do devandito, o audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións, senón tamén nas actividades. Así, nesta edición o festival levará a cabo (en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) as Mesas interxeracionais do audiovisual galego, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.
Ademais, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, seguirá a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, “afondando na fusión entre diferentes artes” e ofertando unha gran variedade de propostas. Con estas quérese prolongar Arredor do son, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.
A edición 2018 do Curtocircuíto de Santiago comeza a facer ruído nas redes
Compartir Este Artigo
