Facer as cousas ben, tecnoloxicamente, significa facelas de maneira que sexan útiles e doadas de comprender, sinxelas e simples no bo sentido da expresión. En materia de desenvolvemento de programas, tense constatado que a mellor maneira de traballar é a que deixa o camiño libre para que os demais desenvolvedores collan a testemuña do traballo feito e amplíen os seus horizontes. Isto que é aplicable ás ferramentas TIC, tamén o é ao ámbito literario: se escribimos temos que pensar no lector, sobre todo porque nós mesmos tamén somos lectores. Adestrarnos nesta saudable práctica de non sermos ambiguos á hora de programar é o gran obxectivo do Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións, que chega á súa cuarta edición da man de Vitae Consultores.
O obradoiro, de dez horas de formación, celébrase desta volta no Hotel Attica 21 da Coruña, os días 5 e 6 de outubro. Unha vez máis, preséntase coma un recurso de primeira liña para termos sempre presente a necesidade (e as ferramentas) de escribir programas para seren lidos, entendidos e mellorados, en palabras de Vitae “unha obriga ineludible”, e tamén, “unha ciencia que se pode aprender e practicar”. Neste senso, a consultora recorda que as metodoloxías de código limpo teñen un amplo potencial para axudar a escribir códigos sinxelos de entender, que acheguen valor e sexan quen de evolucionar no tempo e coa axuda da comunidade.
Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións doadas de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode. A actividade formativa terá unha duración de 10 horas e cun enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, ABANCA, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.
Como facer programas sinxelos e doados de manter, ao detalle nun novo curso de Vitae
Compartir Este Artigo
