O Goberno galego deu a coñecer hoxe que adquirirá 30.000 novos portátiles ao longo dos dous anos vindeiros para seguir avanzando, en palabras do Executivo, “no afianzamento da educación pública cen por cen dixital”. Estes e outros datos foron achegados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que engadiu que o orzamento para esta conversión das aulas tradicionais en aulas innovadoras é de 14,8 millóns de euros e que poderán acceder a estes equipos os novos centros do Proxecto Abalar que se incorporen ao uso do libro dixital.
Segundo dixo, “o acordo permitirá mercar os equipos que se precisen, en función das necesidades e da evolución desta iniciativa”. Asemade, salientou que neste curso 2018-2019, un total de 267 centros e 18.000 alumnos (un 70% e máis dun 50% máis que o curso pasado, respectivamente), empregarán o libro dixital e “beneficiaranse do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso”.
Feijóo tamén fixo saber que o dito paquete complementarase neste curso coa incorporación dun novo provedor de contidos (a Editorial Planeta, que se suma ás 750 unidades didácticas dos provedores Netex Learning e Edebé), coa contratación dun cuarto provedor de contidos para a materia de inglés, coa posta en marcha do servizo para que sexan os propios profesores quen creen contidos educativos dixitais (que se chamará DIXIT) e coa entrada en funcionamento dun servizo de soporte premium para os alumnos, familias e profesores.
A devandita contribución de soporte premium prestará atención remota as 24 horas e os 7 días da semana e porá atención presencial en 64 puntos repartidos por toda a xeografía galega grazas á colaboración con PEME do sector TIC, explicou o presidente do Goberno galego, que rematou recordando que grazas á iniciativa Escolas Conectadas, na que a Xunta e o Goberno central están a investir máis de 17 millóns de euros, “o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria contarán neste novo curso, o primeiro da historia da comunidade, cun acceso a internet cun mínimo de 100 Mbps”.
O Goberno galego adquirirá 30.000 novos portátiles para consolidar a educación dixital
Compartir Este Artigo

