A Fundación CEL – Iniciativas por Lugo estreou este mes setembro con formación TIC especializada e de gran interese e utilidade para os nosos profesionais, tanto para os que comezan a súa andaina no mercado como para os que xa contan con experiencia. Trátase de dous cursos dirixidos a “sacar o máximo proveito das ferramentas que ofrece a Internet para emprendedores e novos empresarios”: un obradoiro sobre mercadotecnia inbound e outro sobre comercio electrónico.
O primeiro desenvolverase ao longo desta semana e o curso sobre como vender en liña celebrarase ao longo da vindeira. Ambos foron postos en marcha con co-financiamento da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e están a ser impartidos por Raúl Ordóñez de Sherpa Digital, profesional con máis dunha década de experiencia, especializado en mercadotecnia e comunicación online, formación e consultoría tecnolóxica, blogs, redes sociais, goberno aberto e estratexias dixitais no mundo empresarial e organizacional.
Segundo informa a Fundación CEL, as dúas actividades formativas tiveron “unha ampla demanda” e completaron aforamento. A formación impartida neles complementarase no primeiro cuadrimestre de 2019 con dúas novas accións de adestramento e capacitación, programadas de novo pola Fundación CEL co apoio da Rede Eusumo, e que profundarán neste caso nas estratexias de SEO e SEM.
O curso de mercadotecnia inbound inaugurouse este 10 de setembro onte coa presentación e unha primeira xornada de traballo que comezou cun achegamento práctico ás técnicas, ferramentas e estratexias para atraer e reter clientes en Internet, orientando sobre como incorporalas ás empresas e proxectos emprendedores con éxito.
A Fundación CEL achéganos ás mellores técnicas para vender en Internet
Compartir Este Artigo
