Os seareiros do lecer na natureza e de pescudar o noso pasado histórico, xuntando unha paixón (a medioambiental) coa outra (a cultural e histórica), cómpre que empresten especial atención a dúas páxinas impulsadas polo diario dixital Historia de Galicia, www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal, dous espazos en liña que serven de recurso referencial para que lembremos os porqués de que tantos camiñantes elixiran a nosa terra, dende tempos inmemoriais, para percorrela de punta a punta. Hoxe a Deputación de Lugo e os impulsores de Historia de Galicia presentaron as novas contribucións da devandita provincia aos portais: cinco roteiros para coñecer o rico patrimonio natural e histórico lucense.
Na cita participou o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, que deu a coñecer os cinco percorridos que o Goberno da Deputación organiza en colaboración co diario dixital Historia de Galicia. No acto tamén concorreron Xurxo Salgado, coordinador do portal web historiadegalicia.gal e Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio.
Segundo fixo saber Fernández Queipo, o Goberno provincial achega 4.500 euros para poñer en marcha esta iniciativa, que pretende achegar á cidadanía o patrimonio oculto que atesoura a provincia de Lugo, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía do rural lugués. Esta colaboración, dixo, permitirá desenvolver cinco rutas de sendeirismo durante os meses de setembro e outubro, que transcorreran polos concellos de Xove, Sober, Becerreá, Monforte, A Pobra do Brollón, e A Fonsagrada.
Fernández Queipo subliñou que “a través deste ciclo de roteiros queremos incidir tamén na importancia de conservar o medio ambiente”. Así, a costa da Mariña, a Serra dos Ancares, o Canón do Sil, o Val de Lemos, e A Fonsagrada son algúns dos lugares onde terán lugar estas andainas, que abranguen varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea, comentou.
O vicepresidente lembrou que na primeira edición dos itinerarios que se desenvolveu o ano pasado participaron preto de 500 persoas de toda Galicia, “que comeron e durmiron nos establecementos lucenses”.
Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co patrocinio da Deputación e Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento ou o Colectivo Capitán Gosende.
Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director do portal do Consello da Cultura Galega amais de investigador e novelista; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.
As andainas comezarán o 15 de setembro e rematarán o 20 de outubro de 2017. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizadas durante as mañás do sábado ou do domingo. Estarán dirixidas por expertos coñecedores da zona, en moitas ocasións, membros de entidades culturais e patrimoniais.
Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto, xa que Historia de Galicia dotará a todos eles dun seguro obrigatorio en caso de accidente.
O proxecto Rutas de Historia realizou en 2017 a primeira xeira deste proxecto que consistiu en sete roteiros históricos. Segundo informaron hoxe os seus impulsores, a inscrición en todos os percorridos tivo que pecharse ao terceiro día de abrir o sitio oficial “debido a enorme demanda e expectativa que xeraron”. De feito, máis de 6.000 persoas consultaron a web www.rutasdehistoria.gal durante eses tres primeiros días. Finalmente participaron nas sete andainas colectivas case 500 persoas e a valoración do conxunto do proxecto foi dun 4,75 sobre cinco, cun 77% dos participantes que deron a máxima puntuación.
Lugo participa en rutasdehistoria.gal con cinco roteiros de impacto
Compartir Este Artigo
