SOGAMA, a entidade autonómica de tratamento de residuos, vén de facer reconto da participación obtida a través das distintas edicións de Recíclate con SOGAMA, o seu programa dirixido a afianzar a cultura da reciclaxe nas aulas e favorecer hábitos de sustentabilidade nos fogares. No balance faise saber que máis de 25.600 escolares tomaron parte activa nas diferentes entregas do programa, que, como lembraremos, inclúe a distribución de carteis e folletos e, nun plano máis interactivo (colaborando directamente do profesorado), o desenvolvemento de unidades didácticas, presentacións, vídeos e xogos (tanto físicos como en liña), charlas e obradoiros. Todo co nexo común de “abundar nos conceptos de redución, reutilización e reciclaxe”.
Entre os xogos en liña que subministra SOGAMA cos devanditos obxectivos figuran Recolle! (para a rapazada de Infantil, buscando capacitalos na identificación dos distintos tipos de refugallos), Corre e percorre (para cativas e cativos de Primaria), Únete, ti decides (para adolescentes de entre 12 e 16 anos), Compostaxe doméstica (experiencia stop motion sobre compostaxe no fogar) ou Comer si, tirar non! ( campaña sobre a importancia de reducir os desperdicios alimentarios).
Por outra banda, incorporáronse nos colexios medios materiais e didácticos como as illas de reciclaxe ou os composteiros, amais de realizarse visitas periódicas aos centros participantes por parte de técnicos especializados, co fin de “avaliar a evolución dos proxectos e resolver dúbidas”.
Respecto da nova edición do programa, a sétima, a entidade medioambiental informou que Recíclate con SOGAMA, iniciativa canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, impulsará aínda máis a divulgación arredor da recollida selectiva de residuos nos centros escolares e propiciará que os hábitos de reciclaxe adoptados nos mesmos se extrapolen á contorna familiar a través dos pequenos, “verdadeiros embaixadores da protección ambiental”.
Nos últimos anos, máis de 25.600 escolares de distintos centros galegos, maioritariamente de educación primaria, participaron activamente neste programa, recibindo formación específica na xestión sustentable dos refugallos urbanos.
Os xogos de SOGAMA converteron en especialistas en reciclaxe a milleiros de nenas e nenos
Compartir Este Artigo
