Cada vez máis as nosas pequenas empresas tiran maior proveito da banda larga móbil. Máis en concreto, o 72,4% das microempresas contratan este tipo de servizo, superando a media estatal. Estes e outros datos figuran na enquisa O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2017/2018 publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
No estudo tamén se sinala que o 68,1% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, experimentando un aumento dun 9,2% no último ano e superando o ritmo de medre estatal, que ten unha taxa do 7,6%. Asemade, dáse a coñecer que das firmas de tamaño miúdo contan con conexión a Internet, un 80,9% dispón de banda larga fixa e un 72,4% de banda larga móbil. O informe tamén salienta que a contratación de banda larga móbil entre as microempresas galegas (72,4%) supera a media estatal (72,2%). A banda larga móbil medrou un 4,3% neste segmento empresarial galego, o que sitúa a Galicia na oitava posición na clasificación de Comunidades Autónomas.
En relación ao uso das redes sociais, un 33,72% das microempresas galegas con conexión a Internet empregan as redes sociais, o que permite situalas no oitavo posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador. A dispoñibilidade de páxina web nas microempresas galegas (30,7%) aumentou un 19,7% e converxe coa media estatal (31,1%).
A enquisa sinala tamén que as microempresas galegas con conexión a Internet superan en 2,8 puntos a media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, situándose en cuarta posición na comparativa por Comunidades Autónomas: a media galega sitúase nun 74,9%% fronte ao 72,1%% da media estatal.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de conexión a Internet (98,8%) e banda larga (100%), en valores semellantes á media estatal.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis asalariados (50,5%) conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 30 Mbps.
Por outra banda, o 87,7% das empresas galegas de 10 ou máis empregados empregan software de código aberto, superando lixeiramente á media estatal (87,4%), o que as sitúa no 7º posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador.
En relación ás tecnoloxías cloud, os recursos na nube, a investigación constata que o 14,5% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores mercaron algún servizo destas características. Tamén salienta que un 12% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de robot, superando lixeiramente a media estatal (11%)
Por outra banda, preto da metade das empresas galegas de 10 ou máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), experimentando un incremento do 11,1% no último ano As empresas galegas de 10 ou máis asalariados comezan tamén a realizar análises de información a gran escala e, a día de hoxe, un 9,4% destas empresas avaliaron Big Data.
A banda larga móbil seduce ás nosas microempresas
Compartir Este Artigo

