A comarca da Mariña lucense vén de recibir novos apoios para os seus relevantes proxectos de innovación turística, botando man das novas tecnoloxías para facer chegar os seus atractivos o máis lonxe posible e para atraer novos visitantes (e seguir convocando aos que xa viñeron). Os novos apoios, que veñen da man da Deputación de Lugo, servirán tamén para afianzar A Mariña “como un destino turístico consolidado”. Inclúen unha contía de 25.000 euros para seguir levando a cabo iniciativas como as audioguías de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo das que falamos hai uns meses en Código Cero.
Estes e outros datos foron dados a coñecer hoxe polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o presidente da Mancomunidade da Mariña, Alfredo Llano García, durante a sinatura dun convenio de colaboración. O titular do Goberno provincial fixo saber que “estes fondos da Deputación permitirán desenvolver novos proxectos e actividades de impulso e promoción turística que beneficien aos 16 concellos da comarca mariñana e, polo tanto, á provincia de Lugo”. Por outra banda, engadiu que “aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia, sendo o noso obxectivo poñer en valor as nosas potencialidades, dalas a coñecer, e contribuír a que cada vez máis turistas nos veñan a visitar, pois estou seguro de que quedarán con ganas de repetir en futuras ocasións, porque a Mariña de Lugo é máxica por natureza”.
Respecto das iniciativas concretas a desenvolver ao abeiro do dito convenio, a máis próxima no tempo será seguramente a elaboración de distintos roteiros sendeirismo polos concellos que integran a comarca da mariña, “co fin de poñer en valor diferentes puntos turísticos que, ás veces, son descoñecidos para o visitante, pero tamén para os propios veciños”, sinalaron os presidentes das dúas devanditas entidades, que fixeron un percorrido polos fitos acadados xa a través de colaboracións previas:
· As ditas audioguías teatralizadas con información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro: historias personalizadas e adaptadas a cada destino. Concretamente, en Mondoñedo o fío condutor é Álvaro Cunqueiro, en Ribadeo proponse un paseo polo Ribadeo Indiano, e en Viveiro convértese nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgúns personaxes históricos. Segundo fixeron saber, “trátase de produtos cun coidado proceso de documentación no que se identifican sucesos, personaxes e lugares con nome propio, que forman parte da intrahistoria de cada sitio e que servirán para descubrir a esencia de cada unha das vilas e, ao mesmo tempo, descubrir a comarca”.
· Imaxe de marca a través do deporte. Recorreuse a deportistas individuais da comarca da Mariña, así como equipos como o Burela Fútbol Sala, que levaron o nome da mariña alí onde competían, o que axudou a levar a nome da Mariña lucense, e polo tanto de Lugo, fóra das nosas fronteiras.
· A publicación da revista turística +QueAMariña, editada pola Mancomunidade para, entre outras cousas, promover ata 72 puntos de interese turístico dos 16 concellos da Comarca. Inclúense museos, praias, covas, rutas ou citas emblemáticas. Realizáronse un total de 10.000 exemplares para instalar e distintos espazos turísticos da provincia, así como de toda a comunidade.
A Mariña de Lugo recibe novos folgos da Deputación para innovar turisticamente
Compartir Este Artigo

