A Deputación de Lugo mostra con audioguías e información dixital os atractivos de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo

luns, 14 de maio do 2018 Redacción

O roteiro por Ribadeo e o seu pasado indiano, celebrado hoxe

A Deputación de Lugo quere que a innovación “camiñe” da man da promoción turística da provincia. Nesta liña insírese a iniciativa presentada hoxe, tres audioguías para mostrar ao detalle os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. A iniciativa, que tamén incluirá promoción turística destes concellos nas redes sociais, encádrase no convenio de colaboración asinado entre a Deputación e a Mancomunidade de Municipios da Mariña, formada por 16 concellos. O orzamento das actividades presentadas hoxe é de 25.000 euros.
As audioguías foron dadas a coñecer polo deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García.

O percorrido polas rúas de Mondoñedo á procura das pegadas de Álvaro Cunqueiro

Segundo fixeron saber, trátase de complementos turísticos teatralizados con información sobre os devanditos cascos históricos. Ademais desta iniciativa, tamén haberá unha campaña de promoción da Mariña nas redes sociais e en medios especializados do sector, sinalou Vidal Baamonde, quen engadiu que “este proxecto é unha iniciativa novidosa que contribuirá a poñer en valor os recursos patrimoniais naturais e culturais, así como os conxuntos históricos da provincia, tal e como recolle o noso Plan Estratéxico de Turismo”.
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano Garcia avanzou que as audioguías contarán con outros idiomas, ademais do galego, xa que será traducida ao castelán e ao inglés, como mínimo. E remarcou o potencial turístico da Mariña Lucense “somos unha comarca que cada ano recibe miles de visitantes, e estas audioguías que hoxe presentamos son unha boa iniciativa para atraer máis visitantes en temporada baixa, que é o que interesa a todos os concellos”.

PUBLICIDADE