O programa Ignicia do Goberno autonómico (Consellería de Economía) vén de seleccionar nove proxectos das tres universidades e da Fundación de Investigación Sanitaria de Santiago para a fase de investimento. O proceso levouse a cabo logo de ter avaliado polo miúdo as dúas ducias de iniciativas que pasaron a primeira fase de estudo por parte dun equipo de expertos internacionais, coordinados por técnicos da Xunta e da Fundación Barrié. Os nove proxectos elixidos recibirán asesoramento especializado durante dous meses, co fin de impulsar cadanseu plan de desenvolvemento e comercialización.
As iniciativas son Aidfork e RadioUAV da Universidade de Vigo; RuCSC, Fluorotools, Inverbis e Nanotox da Universidade de Santiago de Compostela; INDEST da Universidade da Coruña; e Nanoevers e Kitgag da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
Dos 9 proxectos que veñen de ser seleccionados, catro xa tiñan participado na edición anterior deste programa, logrando agora aplicar as melloras suficientes para acceder á fase de investimento, ou noutros programas de apoio á transferencia de coñecemento ao mercado.
Segundo informa Economía, é a primeira vez que se seleccionan proxectos da Universidade da Coruña, da Fundación IDIS e do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Por áreas de coñecemento, catro proxectos pertencen ao ámbito TIC (intelixencia artificial empresarial, drons, audiovisual e seguridade); outros catro son do ámbito biotecnolóxico e sanitario (seguridade alimentaria, nanomedicina, oncoloxía e enfermidades raras) e un de química (industria farmacéutica).
Ignicia impulsará nove proxectos TIC e biotecnolóxicos
Compartir Este Artigo

