Hai preto dun ano xurdiu unha grande polémica ao descubrirse que unha actualización de iOS estaba facendo que os iPhone 6s (e outros terminais) con baterías degradadas fosen máis lentos para que así non acusasen o desgaste da batería tanto en perda de autonomía como en fallos de funcionamento, o que finalmente levou a Apple a rebaixar o prezo de substitución das baterías dos móbiles a partires do iPhone 6s que experimentasen tivesen baterías degradadas, de xeito que os usuarios afectados, en vez de pagar os habituais 89 euros poderían rexuvenecer o seu terminal por 29 euros. Pero esta medida non semellou dabondo para as autoridades italianas, que veñen de impor a Apple unha multa de 10 millóns de euros no que consideran que é un caso de obsolescencia programada para forzar aos seus clientes a mercar novos dispositivos.
A AGCM (autoridade de competencia italiana) considerou que Apple cometeu unha infracción ao non informar de que as actualizacións de iOS incluían medidas que podían facer que os iPhone fosen máis lentos, polo que os sancionaron con 5 millóns de euros, cantidade máxima que poden impor neste tipo de condutas. Como segunda infracción de Apple (tamén sancionada con 5 millóns de euros) destacan que a compañía de Cupertino non achegou aos consumidors información axeitada sobre algunhas características esenciais das baterías, como a súa vida útil promedio e o seu deterioro, así como os procedementos correctos para manter, verificar e substituír as baterías para preservar a plena funcionalidade dos dispositivos.
A Samsung, pola súa banda, tamén a sancionaron cunha multa de 5 millóns de euros ao considerar que cando lanzaron a actualización do sistema operativo do Samsung Galaxy Note 4 a Android 6 tiñan que ter informado que tal software era demasiado esixente para o dispositivo, podendo provocarlle un desgaste que levaría a fallos que requirirían un elevado custo de reparación. A sanción a Samsung semella bastante difícil de xustificar, pois non hai un discurso crítico xeral ao redor do Note 4 e as súas últimas actualizacións, e os problemas que puidesen xurdir en casos puntuais son moi diferentes aos dos iPhone (que respondían a unha funcionalidade de software e non a unha incidencia).
Sancionan en Italia a Apple por reducir a velocidade dos seus smartphones
Compartir Este Artigo
