Apple estaría a forzar que os vellos iPhone 6s vaian máis lento

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Durante a pasada fin de semana desvelouse en Reddit un problema que está a xurdir entre usuarios de iPhone 6s, que detectan como o seu dispositivo vai excesivamente lento, o que parece solucionarse dun xeito bastante drástico: substituíndo a súa batería.
Ao parecer, durante o último ano disparouse o número de usuarios de smartphones iPhone 6s que padecían apagados aleatorios dos seus dispositivos, levando a Apple a lanzar un programa de reparación para usuarios afectados pero, tras o lanzamento de iOS 10.2.1, parece que o número de afectados caeu drasticamente, o que sería consecuencia dunha práctica que Apple debería ter anunciando, porque ten un impacto directo no rendemento dos seus móbiles: os dispositivos reducen a súa velocidade de funcionamento para aforrar batería.

Comprobación do rendemento dun iPhone 6s antes e despois da substitución da súa batería

O secretismo co que operou Apple fai que algúns sospeiten que o volume de baterías problemáticas é moi elevado, e optaron por empregar un parche de software para que moitos usuarios non fosen conscientes do problema, pero o que si está confirmado é que tras substituír a batería dos smartphones lentos os dispositivos recuperan a súa velocidade orixinal.
As probas realizadas por distintos usuarios de terminais iPhone 6s de certa antigüidade detectaron que o seu móbil, en vez de funcionar a unha velocidade de reloxo de 1.800 MHz, oscila entre os 1.500 MHz e os 600 MHz en función do seu nivel de carga, o que parece constatar as sospeitas. É precisamente cando o terminal vai a velocidades inferiores a 1.200 MHz cando os usuarios son plenamente conscientes de que algo vai mal co seu dispositivo, xa que o smartphone responde a tiróns para poder manter a súa autonomía.
Estamos ante un problema que afecta a terminais con varios anos de uso, e que non se presentaría no iPhone 7 e seguintes (con procesadores moi diferentes), do que o máis criticable sería a falta de información oficial, xa que a súa solución é sinxela e relativamente económica (especialmente se o terminal fabricouse entre setembro e outubro de 2015, xa que podería ser elixible para o programa de substitución de Apple).

PUBLICIDADE