Quen queira ver in situ o pulo innovador e investigador da Universidade de Santiago, entrando en contacto cos principais proxectos dos seus grupos, vaino poder facer o vindeiro 10 de novembro, día no que se celebra a segunda edición da xornada de divulgación Ciencia Singular: un convite á cidadanía galega a coñecer o traballo do CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas) e do CiTIUS (Tecnoloxías da Información).
Na xornada, os devanditos centros presentaranse ante a sociedade para “dar testemuño da calidade dos seus resultados de investigación e do valor engadido que están a achegar á mellora da calidade de vida tanto a nivel local como global”.
Algunhas das actividades programadas para a actividade Ciencia Singular son charlas divulgativas, obradoiros científicos e experimentos infantís, encontros con especialistas e demostracións de tecnoloxías desenvolvidas nos centros.
Segundo lembra a Universidade de Santiago, no CiTIUS trabállase no desenvolvemento de novas tecnoloxías informáticas en áreas como a Intelixencia Artificial, a Supercomputación, a Robótica ou a Nanosensórica. “Todas elas”, engade a USC, “contan con múltiples aplicacións no ámbito da informática, pero tamén en eidos de traballo como a industria manufactureira, a seguridade, a sanidade ou o transporte, sempre co obxectivo final de mellorar a nosa calidade de vida”.
Polo que respecta ao CiQUS, centra o seu labor en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica) ou a industria (Materiais Funcionais, Catálisis). O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das doenzas crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía e Nutrición, Trastorno Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Xenómica Funcional, Terapias experimentais ou Bioestadística.
A participación nesta xornada é completamente gratuíta e require inscrición previa a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para visitar o tres centros ao longo do día (mañá e tarde) en diferentes franxas horarias.
O CiTIUS mostrará os seus fitos presentes e futuros á cidadanía
Compartir Este Artigo

