A innovación pide paso, ou sexa, as propostas de mercado que sexan quen de achegar servizos, utilidades e produtos con capacidade para marcar un antes e un despois. Tendo en conta este empuxe e con vistas a seguir achegándolle combustible, o Goberno galego vén de presentar a cuarta edición de Conecta PEME, un programa de cooperación que mobilizará máis de 47 millóns de euros en 54 proxectos de innovación empresarial.
Estes e outros datos foron presentados hoxe polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen lembrou que en Conecta PEME teñen prioridade os proxectos de tecnoloxías novas, con potencial para para facer avanzar a nosa sociedade e a nosa economía.
Tamén recordou que nesta convocatoria destinarase un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27 millóns de euros en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas (das cales o 93% son PEME), e a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación, “co obxectivo de xerar 72 empregos cualificados”.
Dos devanditas 54 propostas de mercado, 38 están ligadas ao desenvolvemento experimental, 9 a potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e 7 terán como obxectivo a investigación industrial. Por sectores, preto do 30% centraranse na área da nanotecnoloxía e materiais e tecnoloxías da produción; cerca do 28% no eido da enerxía e do medio ambiente e o 15% en torno á saúde e o benestar.
Feijóo tamén lembrou, facendo reconto das anteriores edicións, que dende a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa foi quen de mobilizar 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación, nos que están a participar 433 empresas (95% PEME) e 81 centros tecnolóxicos e de investigación, e coa creación de 530 empregos.
O cuarto Conecta PEME vén con 47 millóns de euros
Compartir Este Artigo

