Este novembro as nosas bibliotecas están a celebrar o Mes da Ciencia en Galego. Trátase dun amplo programa de actividades para as comunidades escolares (principalmente) impulsadas polas consellerías de Cultura e Educación a través das bibliotecas centrais territoriais e escolares e do labor dos equipos de dinamización da lingua galega. A listaxe de actividades é ben ampla, para todos os gustos e tendencias, e inclúe espectáculos de maxia, contacontos, charlas, obradoiros e, tamén, accións relacionadas co dixital. Por exemplo o pulo da web específica do Mes da Ciencia en Galego, mantida pola asesoría de bibliotecas escolares e ofrecendo unha relevante selección de materiais relacionados coa nosa investigación e, sobre todo, coas pequenas-grandes investigadoras e investigadores que piden paso.
Amais do devandito, cómpre salientar o importante esforzo levado a cabo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro de Lingua.gal, que está a servir de centro de operacións virtual da conmemoración, achegando a listaxe completa de actividades a desenvolver (formato PDF) e todo tipo de contidos sobre o Mes da Ciencia en Galego (revistas, certames, exposicións, recursos innovadores e audiovisuais, entre outras moitas iniciativas).
Ciclo de actividades adicadas á astronomía
Como dixemos, os formatos e estilos das actividades do programa son ben amplos: proxeccións audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas para experimentar, espectáculos de maxia, contacontos, mostras bibliográficas, documentais, exposicións, conferencias, un ciclo de actividades dedicadas á astronomía, repositorios con materiais relacionados coa ciencia en galego e proxectos de investigación, entre outras accións previstas. Estas estanse a desenvolver este mes de novembro nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago.
Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
O Mes da Ciencia en Galego tamén se celebra na Rede
Compartir Este Artigo

