O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) desenvolveron este sábado a xornada final do programa Tech Kids no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. A actividade tivo o obxectivo de “estimular o talento precoz no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova”. Participaron uns 200 rapazas e rapaces, de entre 10 e 17 anos, nunha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo-mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios obradoiros de drons.
A maiores, celebrouse unha conferencia titulada Mundos Dixitais, que foi impartida polo director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o co-fundador da produtora audiovisual Illusorium Studios (recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D), Raúl Rocha.

673 participantes en 57 xornadas
O CPEIG e AMTEGA organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa Tech Kids, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas Aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnas e alumnos.
CPEIG e AMTEGA mostraron no Gaiás o talento dixital da nosa mocidade
Compartir Este Artigo

