A Cidade da Cultura acolleu hoxe unha Xornada de Ciberseguridade, a primeira actividade coa que a Xunta achega a Santiago as actividades da Mobile Week Coruña. A directora da AMTEGA, Mar Pereira, xunto co presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, inaugurou o encontro destacando a importancia da formación e a divulgación para xerar unha cultura da ciberseguridade no tecido empresarial, especialmente entre as PEME e os autónomos.
Pereira destacou esta xornada non é una iniciativa illada senón que se enmarca nas actividades do Centro Demostrador TIC da AMTEGA para achegar a tecnoloxía ás PEME e que no seu programa de actividades ten previstos máis seminarios, xornadas, e demostracións vinculadas á ciberseguridade cun enfoque práctico e accesible para que PEME e autónomos coñezan as posibles opcións para abordar esta cuestión.
A oferta en ciberseguridade para empresas reforzarase en 2019 cunha nova edición do Programa Reacciona TIC. en colaboración co IGAPE que, entre os novos servizos que ofrecerá estarán os orientados ao ámbito da ciberseguridade nas PEME.
Ademais, a responsable autonómica avanzou que a AMTEGA asinará un convenio co Instituto Nacional de Ciberseguridade para desenvolver novas liñas de formación e ofrecer novos servizos para as PEME.
PEME segura
A xornada contou durante a mañá con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE, e Enrique Serrano, cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.
A ciberseguridade na túa casa
A sesión da tarde, Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s abordou temas como o sexting, a ciberviolencia de xénero o ciberbullyng ou a fraude dixital da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.
Así, a asociación Pantallas Amigas; Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartiron con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.
As intervencións individuais de cada experto completáronse nunha mesa redonda que contou cunha grande participación do público, claramente preocupado polos temas abordados durante a sesión de tarde.

